
Hoxe, antes que nada, teño que falar dunha nova alumna.
Chámase Petra, empezou un pouco mais tarde, pero non é nova nesta actividade, porque xa veu ao obradoiro hai dous anos, cando fixen as prácticas. Non é galega, pero como está casada con un galego de Petín e ademais vive aquí, entende perfectamente o Galego inda que non o fale. Tamén e certo que nas actividades que facemos as veces fálase o Galego e outras non, depende da persoa que fala.
Como digo, hoxe foi moi divertido, entre outros exercicios, propúxenlles o de inventar unha historia entre todas. Eu empecei a historia e despois cada unha ía engadindo cousas ata completala, pero isto non tivo moito éxito xa que lles resulta difícil imaxinar situacións e prefiren contar unha historia enteira, cada unha a súa. Así que contáronse varias historias.
Primeiro contou a Ita un caso que lle aconteceu recén chegada a París alá polo ano 1963. Ela era moi noviña, tiña uns 16 anos e estaba traballando nunha casa na que a filla da patrona era da mesma idade que ela.
Os fins de semana ían para unha casa que tiñan nas aforas, alí seica lle chamaban "na campiña". A filla da patrona quería sair coas súas amigas pola noite e claro o pai non a deixaba porque logo tiña que voltar soa e a casa estaba moi apartada, así que a nai díxolle que si á Sophie (Ita, que en realidade chámase Sofía) non lle importaba acompañala, as dúas irían a buscala ata o pobo. A Ita dixo que si, de xeito que cando foi a hora, ela mais a patrona marcharon buscar a filla, e cando ían polo camiño pasou un coche que ao velas deu marcha atrás para acercarse, a Ita que é moi medosa, cando viu que o coche viña cara elas, deixou soa a patrona e botou a correr cara a casa que ata perdeu os zapatos.
Despois todos se riron dela porque o do coche era o outro fillo da patrona que ao recoñecelas dera a volta para levalas.
Pero a Ita tanto medo tiña de que a levasen ou eu que sei, que alá deixou a patrona, se ían levar a alguén que levaran a vella, ou como se soe dicir "sálvese quien pueda".


